Thursday 25 de April de 2024

Cariño celebrará as Festas de San Bartolo con música, danza de arcos e deporte


• Ricky Home Libre e o artista local Fernny 15360 farán vibrar á Praza do CAmpín o luns, 23 de agosto, ás 20:30 horas.

• O martes, 24 de agosto, sairá á rúas a tradicional Danza de Arcos e haberá un concerto da liga de cantantes extraordinarios.

• Ademais, celebrarase un torneo de fútbol no campo municipal.

O Concello de Cariño deseñou unha programación para as Festas de San Bartolo que se adapta ao contexto sanitario actual, marcado polas restricións. Optouse por actividades ao aire libre nas que a música, o deporte e, seguindo a tradición, a danza de arcos, serán os protagonistas.

O luns, 23 de agosto, pola mañá lanzaranse as tradicionais 21 bombas de palenque e, ás 20:30 horas, a Praza do Campín vibrará co hip- hop de Ricky Home Libre e o artista local Fernny 15360. A entrada é gratuíta pero é necesario reservar previamente o asento na web www.reservas.gal.

O martes, 24 de agosto, sairá á rúa a tradicional Danza de Arcos de Cariño acompañada da Agrupación Folclórica San Xiao do Trebo, de Cariño, e da Banda de Música Eduardo Pondal, de Corme. Ás 21 horas, na Praza do Campín, poderase gozar dun concerto da liga dos Cantantes Extraordinarios.

En paralelo a esta programación festiva celebrarase un torneo de fútbol no campo municipal de Cariño, organizado polo CD Cariño en colaboración co Concello. O domingo, 22 de agosto, ás 18 h. xogarán o CD As Pontes e o Galicia de Mugardos de categoría sénior; o luns, 23 de agosto, en categoría xuvenil, ás 18 h. o CD Cariño enfrontarase ao Viveiro CF; e, por último, o martes 24, en categoría sénior, o CD Cariño xogará contra o Cedeira ás 20:30 h.

Máis música e cultura urbana en Cariño
A Praza do Campín do Concello de Cariño acollerá hoxe sábado, 21 de agosto, a partir das 21 horas o concerto do dúo valisoletano ‘ Arizona Baby’, que ofrecerá unha selección das súas composicións máis destacas. A entrada é gratuíta pero é necesario reservar previamente o asento na web www.reservas.gal.
Ademais, o domingo 22 de agosto, tamén no Campín, de 17 a 20 horas levará a cabo un espazo de cultura urbana no que as persoas que se acheguen poderán participar, previa inscrición in situ, en talleres de grafiti, beatbox, break, dj, skatepark ou freestyle football.